Reunión na Conselleria Do Mar
Entrando en debate co subdirector xeral de Pesca
Agpesur
10/17/2024
Tivemos a oportunidade de reunirnos co subdirector xeral de Pesca de Galicia para abordar frontalmente un tema que leva anos xerando descontento no noso colectivo: a restrición horaria imposta á pesca submarina. Durante dúas horas e media, explicamos polo miúdo todos os puntos que tiñamos traballados no documento que presentamos, defendendo en todo momento a nosa actividade como unha práctica sostible e respectuosa co medio mariño.
O encontro foi intenso e directo. Contrastamos cada un dos argumentos que se nos presentan, sinalando a falta de xustificación técnica ou científica que sustente estas limitacións. En varias ocasións non puido responder ás preguntas que lle formulamos, e aínda que nalgunhas ocasións intentou desviar o tema, mantivemos a nosa postura, esixindo respostas claras e solucións xustas. Deixamos claro que esta restrición carece de base lóxica e que dá lugar a arbitrariedades que afectan inxustamente ao noso colectivo.
Aínda que estaban dispostos a facer pequenas concesións, nós non buscabamos medias medidas. O noso obxectivo segue sendo lograr unha normativa que non sexa nin arbitraria nin discriminatoria, senón xusta e equitativa. Non aceptaremos solucións que perpetúen o agravio que vimos sufrindo dende hai anos. Defendemos o noso dereito a practicar a pesca submarina en igualdade de condicións e sen restricións infundadas.

